Sunday 05 de May de 2024

O Concello lanza o ciclo de actividades formativas ‘Compostela Móvese 2023’ centrado na mellora empresarial da contorna


Compostela Móvese 2023 é un programa impulsado pola Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago

O vindeiro 9 de outubro arranca un ciclo de accións formativas dirixido a empresas e profesionais da área empresarial de Santiago para mellorar a súas competencias en ámbitos como a dixitalización, marketing ou xestión de persoal, entre outros. Impulsado pola Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago, o programa ‘Compostela Móvese 2023’ ofertará un total de 58 cursos tanto en modalidade presencial como teleformación.

O obxectivo principal do programa de dinamización económica “Compostela Móvese 2023” é mellorar o grao de coñecemento, subsanando carencias e ofrecendo actualizacións en materias útiles para os procesos de xestión empresarial e laboral.

Para isto, a Oficina de Promoción Económica oferta un ciclo de actividades formativas, adaptadas ás necesidades e características da área empresarial de Santiago de Compostela coa que mellorar a súa competitividade. O prazo de inscrición nas actividades está aberto.

Estas accións están especialmente dirixidas ao persoal directivo, de xerencia, propietarias/os e persoal laboral de empresas que teñan a súa sede e un centro de actividade no Concello de Santiago de Compostela. Tamén poderán participar tanto persoas en activo como en situación de desemprego, e non suporán ningún custe para as persoas participantes.

As actividades están agrupadas en 6 grandes áreas temáticas e inclúen cursos de teleformación de 15 horas de duración, pílulas autoformativas de 4 horas de duración e na modalidade en liña, obradoiros prácticos e encontros informais na modalidade presencial. En total 418 horas e 58 accións.

As 58 accións están divididas en 6 grandes áreas formativas:

– Xestión empresarial: actualización lexislativa e dixitalización (13 accións)
– Xestión económico-financieira an empresa (8 accións)
– Comercialización e marketing (12 accións)
– Incorporación da perspectiva de xénero na empresa (10 accións)
– Xestión de persoas (11 accións)
– Patrimonio cultural galego e economía prateada como novas oportunidades de mercado (4 accións)

Na web de Compostela Móvese 2023 pódese consultar a información e facer as inscricións nestas accións formativas.